Mobilidade de terras: levantan ou non os neboeiros?

11:56 0 Comentarios


A fins do ano pasado propoñíanse neste blog diversas cuestións en relación á mobilidade de terras en Galicia. Unha morea de preguntas, ben relevantes, e con respostas non doadas de obter. De feito, lévaselle dando voltas ó tema moitos anos. Para que non morra o conto, aí van algúns datos e opinións para continua-la parola, tratando de disparar ás dianas que colocou Marta e, talvez, avanzar nesto de poñe-las cousas no seu sitio.
A última actualización SIXPAC da que dispoñemos, datos do inicio de campaña 2012, indicaban unhas 840.600 hectáreas de pasto arbustivo (PR). Non existen datos directos, ata onde sabemos, de cantas se están a aproveitar para o pastoreo para o gando. En canto ós datos de declaración, sabemos que só un pouco máis da metade da SAU galega se declara e que, en paralelo, se fai o propio cun 11% do mato total (desas 840 mil de PR) e que este representa, á súa vez, case un 20% da superficie declarada por parte dos agricultores. Ademais imaxino que nunha parte importante do mesmo se atoparán incumprimentos de elexibilidade (tamén intúo que esto último iría a menos nos últimos anos). Xustificación para esto? Difícil dar explicación completa a todo, sexa dende aquí, sexa dende o propio FOGGA, pero hai cando menos tres aspectos que considero relevantes. Por unha banda hai sectores agrícolas que non teñen que facer declaración de superficies. Ademais, algunhas explotacións gandeiras tiveron a estratexia de "concentrar" os seus dereitos no momento de desacoplar (caso típico das de leite coa prima láctea) e polo tanto non declaran unha parte da superficie que realmente xestionan (en ocasións moita menos). Finalmente, existen numerosas pequenas explotacións de autoconsumo que "escapan" da PAC, pero que xestionan unha parte relevante de SAU. As tres cousas sumadas poden dar lugar a unha superficie significativa, aínda que os datos seguen a resultar chamativos.
Curiosamente, nun estudo que fixemos na Terra Cha no 2011 sabemos que as superficies tipo “PR” representaban case un 30% do total declarado o cal, sendo na Terra Cha, nos pareceu sorprendentemente elevado. Ademais, en moitos casos o grao "utilización" directo sería cuestionable... Como xa comentei antes non hai datos dese nivel de aproveitamento. 
De tódolos xeitos, na PAC actual, iso non semella un problema a efectos de “cubri-los dereitos”. Aos efectos de pago único decláranse en Galicia unhas 523.000 ha, para uns 343.000 dereitos DPU, co cal, falando en termos agregados hai unha marxe grande.

No referente á dispoñibilidade de terra ou á demanda ou non da mesma, son cuestións clave as que plantexas. Nós estamos tratando de atoparlles resposta escapando dos tópicos. Polo de agora só podemos debuxar parte do cadro.  Céntrámonos nas de vacún de leite, que imaxino son ás que te refires ti principalmente dada a conxuntura actual. 
Primeiro, diferenciar o feito de que unha parte das explotacións teñan unha produción altamente dependente da compra de alimentos (parte polo modelo produtivo escollido, parte polo ratio UGM/terra) de que realmente demanden terra. Non todas as explotacións buscan activamente terras. Por exemplo, de novo na Terra Cha, nun estudo do ano 2010, só 1/3 das explotacións de vacún declaraban querer conseguir máis terras. Aínda así, representaban unha porcentaxe maior en termos de produción agregada. 
En canto á dispoñibilidade de terra, tamén non hai respostas categóricas. No estudo mencionado, no radio de acción no que as explotacións declaraban estar interesadas, atopamos unha superficie de PR (consideramos que esta era terra potencialmente mobilizable) equivalente ó 1800% da superficie que na actualidade xa estaban xestionando ditas explotacións. Certo é que nos falta por analizar a aptitude produtiva e condicións estruturais, pero semella unha cantidade suficiente como para posibilitar un incremento notable da base territorial das explotacións demandantes. 
Cales son as causas de que esas terras potencialmente aptas non se mobilicen, sabendo que si que hai demanda? (é dicir, nese estudo chegamos a realmente definir que hai demanda e que, aparentemente, hai oferta potencial nun radio de acción adecuado). Esta é outra cuestión na que intentaremos avanzar nos próximos tempos. As dúas hipóteses que ti plantexas, prezos elevados e competencia cos terreos forestais, parecen razoables, aínda que cremos que non serían as únicas.
No tocante á competencia dos usos forestais, aínda sendo xa un tópico, parece evidente. Nos últimos 25 anos perdéronse unhas 145.000 ha de SAU en Galicia,  sendo o paso a superficie forestal un dos procesos de maior relevancia.

Cales son os principais problemas para incrementa-la SAU? A pregunta do millón... Supoño que coñecerás os traballos de Edelmiro e de Sineiro. O certo é que os traballos de Edelmiro, sendo referencia no tema da mobilidade, remóntanse xa a primeiros dos 90. Aínda así, é probable que parte das causas que el enumeraba (e que aínda hoxe mantén) sigan sendo relevantes. El sostén que dúas das principais causas son a competencia cos usos forestais e os urbáns, sumado á baixa fiscalidade da terra. Probablemente a situación ten máis facetas:
- Do lado das explotacións, o modelo produtivo de moitas pode facer que, ou ben non sexan demandantes de terra realmente activas, ou que as superficies que busquen teñan que ter (según a opinión dos/as gandeiros/as) unha tipoloxía concreta (tamaño, accesos, mecanización, etc.). Como se podería explicar senón que case un 1/3 das superficies declaradas para a PAC na Terra Cha sexan PR según o SIXPAC. Ademais, na situación actual é posible que moitas non teñan capacidade financeira para mercar.
- Nalgúns casos si pode acontecer que non haxa superficies potencialmente mobilizables nas inmediacións (aínda que probablemente si desprazándose a certa distancia)
- Pode acontecer que realmente non coñezan a existencia de posibles parcelas dispoñibles. Non "estamos" acostumbrados e pensar que conseguir terras é unha actividade que forma parte das estratexias da explotación. É normal que unha persoa agricultora adique moitas horas a pensar que tractor mercar, pero cantas horas adican a buscar activamente terras?
- Efectivamente a liberación de terras por parte dos propietarios que non as utilizan semella non ser fluída. Temos identificado diferentes patróns (só de forma cualitativa) en diversas zonas de Galicia. Por exemplo, nalgunhas zonas do Deza hai unha cultura do arrendamento das superficies agrarias bastante consolidada, e a plantación de antigas superficies de cultivo (con piñeiros e eucaliptos) parece ter menos incidencia. Do que non temos datos, e sería ben interesante (enlaza coa túa seguinte pregunta), é da evolución da forestación de terras nos últimos anos (é dicir, unha análise a intervalos de, poñamos, 5 anos), especialmente nas zonas gandeiras. A observación directa, só a nivel de impresión cualitativa, fai pensar que está tendo incidencia (independentemente da normativa en vigor). É dicir, en zonas de demanda potencial, vese como algunhas parcelas van quedando paulatinamente abandoadas ou son forestadas directamente. De tódolos xeitos, ó non ter analizado esto de xeito sistemático, non podemos dicir como é realmente o proceso. Outra cousas a maiores sería ver o porqué disto. É dicir, se é unha decisión baseada só no intento de maximizar a renda da terra (motivos puramente económicos) ou ben se é unha opción para evitar desfacerse das terras sexa por arrendamento ou por venta, debido a outros factores. En estudos que fixemos dende o grupo (na mariña luguesa e na zona de terra de montes), semella que estos últimos teñen moito peso, pero o certo é que aínda que sa fala moito, non se ten feito ningunha enquisa a nivel galego ós propietarios de terras.
- O que diciamos antes para as explotacións pode acontecer tamén para os propietarios: non saben (ou parécelles difícil) que poida haber interesados en xestionar as súas superficies.
 En relación á protección da SAU na Lei de Montes, pois é difícil opinar, dado que poderíamos ver pros e contras (mirado dende a perspectiva da conservación da mesma). No marco anterior (Lei 3/2007), a priori estaba prohibido forestar prados e cultivos, aínda que no ámbito do artigo 25.3 había certa ambigüidade (o cal leva a unha aplicación difícil). No novo marco (7/2012), ábrese a porta cando se atopen abandonados (haberá que ver como se determina e considera) e cando estivesen no banco de terras dous anos (con ou sen solicitudes?). Entón, cambia a forma. En principio o novo enfoque, que poderíamos chamar "dinámico" (é dicir, non baseado nunha "clasificación de usos preexistentes") pode ser interesante na medida en que se coordina coa actuación do banco de terras, pero hai que esperar a ver como se aplica. Esto último lévanos a última consideración e que realmente é a importante: a experiencia recente demóstranos que o importante non é a Lei, senón a aplicación que despois se fai en campo e que, por desgraza, intuímos que difire do que se publica no DOGA. Sería de gran interese poder facer un seguemento desto último.  

Non se contestan de xeito completo ás preguntas, aínda que nos últimos tempos estamos intentando impulsar unha reflexión en profundidade sobre o tema, ademais de tratar de coñecer mellor que é o que está pasando realmente. Algo que por outra banda é moi difícil nun país tan diverso e dinámico (aínda que pareza que non) coma o noso. Desafortunadamente, dominan, como tamén apuntas, os enfoques sectoriais ou de "minifundio administrativo e de gobernanza", que é na miña opinión bastante máis perxudicial que o outro, e a información non flúe precisamente libre entre os diferentes departamentos. Aínda así, creo que varias preguntas das que plantexas habería que facerllas, tamén, á propia Administración.

Sigamos!

0 comentarios: